Actualidad y noticias

21/05/2015
O Consello Escolar de Galicia rexeita o Proxecto de decreto da Educación Secundaria Obrigatoria e do Bacharelato en Galicia

O Consello Escolar de Galicia, reunido hoxe 21 de maio de 2015, decidiu rexeitar o proxecto de decreto da Educación Secundaria Obrigatoria e do Bacharelato e devolvelo á Consellería de Educación. Seis enmendas á totalidade foron votadas conxuntamente e obtiveron o apoio da maioría do Consello Escolar (20 votos a favor e 17 en contra). Desta forma, volve a demostrarse que a Administración está soa na defensa da LOMCE.

 

FETE – UGT rexeitou no seu día a LOMCE por ser unha Lei que se tramitou e aprobou sen o consenso da comunidade educativa, facendo caso omiso ás recomendacións efectuadas polo Consello Escolar do Estado que cuestionaba moitas das  formulacións que incorporaba. Por tal motivo, FETE-UGT rexeitou o proxecto de decreto presentado pola Xunta de Galicia e solicitou a súa retirada.

 

Ó  igual que aconteceu o curso pasado cos decretos de FP básica e Educación primaria, parécenos que os prazos de tramitación que formula a Consellería de Educación son tardíos e precipitados. Atopámonos practicamente ao final do curso escolar e os trámites preceptivos no Consello Escolar de Galicia, Consello Consultivo e Consello da Xunta de Galicia, retrasarán a publicación do Decreto no DOG aínda varios meses, motivo polo cal se complica o labor dos equipos directivos e dos docentes para planificar o vindeiro curso,  ao non contar cunha  norma na que apoiarse e unhas instrucións claras de procedemento, máis aínda se temos en conta que quedarán pendentes para o curso que vén cuestións tan importantes como por exemplo as ordes de avaliación.

 

Por outra parte, o Decreto, ademais de introducir  un cambio curricular importante  no ensino secundario obrigatorio e post-obrigatorio de Galicia, modifica a carga lectiva de numerosas materias, feito que podería afectar a actual configuración dos cadros de persoal dos centros educativos. É por elo que  dende FETE-UGT rexeitamos a proposta de horario feita pola administración, e solicitamos que se manteña a actual carga lectiva de todos os docentes en aras da estabilidade laboral dos traballadores e traballadoras do ensino.

 

Hai departamentos didácticos moi afectados polas modificacións horarias que se introducen. Coidamos que sería preciso facer un estudo exhaustivo do impacto que supón este cambio horario nos cadros de persoal docentes e  renegociar as bases establecidas na orde de 23 de xuño de 2011 para que, de levarse a cabo esta modificación da carga lectiva das materias, a perda de horas de docencia directa non se traduza en perda de postos de traballo e desprazamentos forzosos do profesorado. Tamén sería axeitado reducir a rateo de alumnos por aula para poder facer desdobres.

 

Por estes e outros motivos que non teñen cabida aquí rexeitamos o proxecto e congratulámonos de que a maioría de comunidade educativa representada no Consello Escolar de Galicia comparta os nosos argumentos.

 

O rexeitamento do decreto está a demostrar á Administración educativa que está soa na defensa e na aplicación impositiva da LOMCE.

 


Documentos adxuntos a este artigo: REXEITAMENTO DO DECRETO DE SECUNDARIA E BACHARELATO  
FETE-UGT Galicia - 2014
Páxinas web Galicia