A FeSP-UGT VOLVE DEMANDAR A APERTURA DUNHA MESA URXENTE DE NEGOCIACIÓN, ENTRE O GOBERNO AUTONÓMICO E AS OOSS, PARA GARANTIR UN INICIO DE CURSO ESCOLAR SEGURO
A FeSP-UGT lamenta que a xuntanza entre os responsabeis de ensino das comunidades e o goberno central de hoxe non deixara claros todos os aspectos relacionados co inicio de curso escolar, centrándose unicamente en cuestións protocolarias.
Denunciamos o abandono co que está a actuar a Xunta de Galicia que, a case 10 días do inicio de curso, aínda non ten tomado medidas axeitadas ás recomendación das autoridades sanitarias, necesarias para protexer e reducir os riscos entre a comunidade educativa (profesorado, alumnado e persoal de administración e servizos).
FESP-UGT aposta por un ensino presencial, pero evidentemente, sen poñer en perigo a saúde tanto de profesorado, alumnado e demais persoal que presta servizo nos centros educativos, creando entornos de convivencia o máis seguro posible e atendendo ás recomendacións dos distintos organismos e especialistas na materia.
A verdadeira pregunta á que ten que respostar o goberno da Xunta é: como pretende crear ese entorno seguro? Porque a día de hoxe, entendemos que ese entorno non está creado. A tal efecto presentamos as seguintes propostas:
1. Adecuar as rateos ás medidas recomendadas polos expertos sanitarios e que si son de obrigado cumprimento noutros ámbitos.
o INFANTIL E PRIMARIA: Redución de rateos a un máximo de 12 e 15 alumnos, respectivamente, por aula. Non é de recibo que no ensino, non se respecten os protocolos de distanciamento establecidos pola OMS
o SECUNDARIA: Redución de rateos a 15 alumnos. A partir de 3º de ESO, se fose preciso, favoreceríase unha actividade semipresencial por semanas alternas coa metade do grupo na aula e o traballo por proxectos.
Os alumnos que estean na casa serán atendidos telemáticamente (redución de entre dous e catro períodos lectivos ós docentes para a atención telemática).
2. Contratar profesorado. Evidentemente, coa baixada de rateos débese proceder á contratación de profesorado. Neste momento, a CCAA de Galicia é unha das comunidades que menos contratacións novas realizou ou ten previsto realizar.
3. Establecemento dun protocolo específico para o profesorado que se encontre dentro dos grupos de risco e/ou teña un familiar ao cargo que sexa grupo de risco.
4. Fortalecer, mediante a contratación de persoal, os equipos de prevención de riscos laborais da Consellería.
5. Contratar persoal de administración e servizos: persoal de cociña, limpeza, persoal auxiliar, reforzo de coidadores en centros onde sexa necesario.
6. Adscribir persoal sanitario a todos os centros educativos.
7. Empregar todos os espazos dos que dispoñen as administracións. Esta habilitación de espazos debe garantir a seguridade e salubridade do tránsito das persoas.
8. De ser o caso, tamén se debería habilitar a posibilidade de modificación de horarios de entradas, saídas, cambios de clase, recreos… co obxectivo de reducir o contacto intergrupais.
9. Dotar directamente material tal como: máscaras, batíns, desinfectante…
10. Desenvolvemento dun protocolo específico para o transporte e os comedores escolares.
11. Ampliar e mellorar as ferramentas informáticas a dispor pola Administración en caso de ser necesarias para a atención telemática do alumnado.
12. Dotar de material informático e conexión a internet aos alumnos que non teñan ordenador nin conexión de datos.
13. Dotar de material informático e conexión a internet a aqueles docentes que o soliciten para desenvolver axeitadamente a atención telemática.
14. Desenvolver e adaptar contidos en materia como Educación Física e Educación Musical.
Algunhas ensinanzas deben ter un protocolo específico tanto polo tipo de ensinanza que se imparte, o tipo de agrupamento, así como a metodoloxía e material empregados. Un dos exemplos claros son as ensinanzas de MÚSICA. En concreto para este tipo de centros propoñemos:
1. Protocolo urxente para a realización de probas extraordinarias de setembro. Hai materias que implican compartir instrumento entre varias persoas e non se estableceu protocolo algún.
2. Protocolo para as probas de acceso de setembro a 1ºGE
3. Dotación económica para compra de maior número de instrumentos de préstamo.
4. Dotación a CMUS para mamparas, biombos, ademais do material de limpeza e desinfeción establecido con carácter xeral.
5. Desdobre de clases de agrupacións numerosas (canto, orquestra, banda)
6. Adaptación temporal do horario: Clases de 45 minutos; 10 minutos ao inicio para lavado de mans e desinfección; 5 minutos finais para desinfección do instrumento.
7. Protocolo utilización partituras de biblioteca.
Non se debe descartar, se fose necesario, o adiamento do inicio de curso ata garantir a seguridade da comunidade educativa. Demorar 10 días o inicio pode para fixar un protocolo coherente pode minimizar a transmisión do COVID-19. Daría tempo para remate de obras, adaptación e adecuación de novos espazos, contratación de novo persoal docente e non docente…
Defendemos a negociación cos representantes dos traballadores como a vía máis axeitada, facendo propostas construtivas e realistas co fin de garantir a seguridade de toda a comunidade educativa, aínda que de non ser oídos, non descartamos ningún tipo mobilización e medida de presión e protesta, sen descartar a folga.
Facemos, por último, un invitación a toda a comunidade educativa, para que fagan súas as nosas reivindicacións e participen nas mobilizacións que se acorden, pois trátase da saúde e seguridade de todos (profesores/as, alumnado e PAS).