Actualidad y noticias

23/03/2021
Mesa Sectorial: Discusión da Orde que desenvolve o Decreto 229/2011 de Atención á Diversidade.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

  

 

 

Dende a FeSP-UGT, en primeiro lugar, lamentamos a demora na elaboración e publicación desta Orde que desenvolve un decreto que data de decembro do 2011. Supón, polo tanto, case dez anos de ausencia dunha norma tan importante para o sistema educativo de Galicia.

De feito, esta Orde detalla practicamente todos os aspectos que abranguen a atención á diversidade e clarifica as funcións dos distintos profesionais que interveñen no proceso educativo, titores, PTs, ALs, orientadores e orientadoras, equipos directivos, auxiliares educativos, PAS, etc. Así como o papel das familias e axentes externos. Por isto mesmo, aínda que chega tarde, podemos considerala positiva para a calidade do ensino en Galicia.

Porén, a calidade do ensino precisa tamén outras medidas como o aumento dos efectivos de orientación, tanto en equipos de orientación específica como en departamentos nos centros de secundaria e nos de infantil e primaria, así como nos centros que imparten varias ensinanzas (BAC, FP,…). Outra medida necesaria é a redución de ratio que precisa o persoal de PT e AL, sobre todo naquelas unidades que escolarizan alumnado de NEE e NEAE. Polo tanto, non nos parece lóxico que en moitos artigos da presente orde se utilice o criterio de dispoñibilidade horaria do profesorado  como condición en varias modalidades de atención á diversidade.

 

 Seguindo na mesma liña, estes reforzos xunto coa estabilidade do Departamento de Orientación son esenciais para a continuidade pedagóxica, a prevención e a dinamización dos centros educativos. Por esa razón, é preciso que se vexa reducida a temporalidade nos postos anteriormente citados porque afecta á calidade da atención á diversidade. Tamén consideramos necesaria a dotación ós Departamentos de Orientación de probas de identificación axeitadas e actualizadas. As aportacións anuais non chegan para actualizalas debido o gran custe das mesmas. Os Equipos de Orientación Específico prestan algunhas pero non sempre é suficiente, xa que están ocupadas. É imprescindible para a detección e a atención temperá.

 

Outro aspecto primordial que cómpre clarificar é o das condicións de avaliación para o alumnado con adaptacións curriculares individuais e significativas, de cara á obtención do título de ensinanza obrigatoria. Este proceso estaba dando lugar a interpretacións distintas e polo tanto a conflitos frecuentes porque desde algúns centros se entendía que non deben titular os alumnos e alumnas que non acaden as competencias xerais da ESO. No borrador da Orde parece que está claro que o alumnado que supere os obxectivos previstos nas ACIs debe promocionar e no seu caso titular.

 

 

Para rematar, gustaríanos puntualizar aspectos de carácter máis administrativo, pero que afectarán a utilidade da norma. En primeiro lugar, consideramos que o título da Orde debe incorporar a referencia á LOMLOE, aínda que se cita no parágrafo terceiro do preámbulo desta Orde, a continuación do actual título debe figurar “COAS MODIFICACIÓNS DA LEI 3/2020 DE 07 DE DECEMBRO”. Ademáis, esta Orde derroga varias ordes e así se establece na mesma, pero sería igual de necesario deixar sen efecto circulares como a 8/2009 de medidas de atención á diversidade na ESO, e incorporar todas as medidas de atención á diversidade desta etapa na Orde (exención da 2ª lingua  estranxeira en 1º e 2º da ESO...) Resulta moi complicado para o profesorado estar comprobando as derrogacións tácitas ou explícitas e da lugar a problemas nos centros.

 

A seguir, pulsa no arquivo para obter unha relación pormenorizada das suxestións que fixemos ó articulado:         


Documentos adxuntos a este artigo: Mesa do 16, 22 e 23: Proxecto da Orde de Diversidade  
FETE-UGT Galicia - 2014
Páxinas web Galicia